U2
| U2 | |||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| Wikidata G:Commons C:Commons | |||||||||||||
U2 [juː tuː] é unha banda musical irlandesa liderada polo dublinés Bono (cantante) e The Edge (guitarra). Vén sendo unha das bandas de rock máis populares dende mediados dos anos 80, e son coñecidos tamén polas súas campañas humanitarias. Entre os seus discos máis destacados están The Joshua Tree (1987) e Achtung Baby (1991). O seu último disco na actualidade (2004) titúlase How to Dismantle an Atomic Bomb.
O 20 de novembro de 2006 editouse un novo recompilatorio de U2 titulado U218 con 16 dos seus temas máis coñecidos e dúas cancións inéditas "Window in the Skies" e "The Saints are Coming", esta última gravada xunto a Green Day a beneficio das zonas afectadas polo furacán Katrina, versión dun tema dos anos 70 do grupo escocés The Skids.
Historia
[editar | editar a fonte]Formación
[editar | editar a fonte]U2 formouse en Dublin, Irlanda, o 25 de setembro de 1976. Larry Mullen Jr., que por entón tiña 14 anos, puxo un anuncio no taboleiro do seu instituto (o Mount Temple Comprehensive School) buscando músicos para unha nova banda. Sete adolescente asistiron aos primeiros ensaios na cociña de Mullen. Coñecido inicialmente como "The Larry Mullen Band", o grupo estaba formado por Mullen na batería, Adam Clayton no baixo, Paul Hewson (Bono) na voz, Dave Evans (The Edge) e o seu irmán Dick Evans nas guitarra, así como Ivan McCormick e Peter Martin, outros dous amigos de Mullen. Pouco despois, a banda adoptou o nome "Feedback", porque era dos poucos termos técnicos que coñecían. Martin non volveu despois do seu primeiro ensaio, e McCormick deixou o grupo ás poucas semanas.

En marzo de 1977, a banda cambiou o nome por "The Hype". Dick Evans, que era o máis vello e nese tempo estaba na universidade, facía un número impar de membros cando o resto dos compoñentes tiña a idea dun grupo formado por catro persoas; el foi sendo "retirado" progresivamente ata marzo de 1978.
A orixe do nome "U2" non é claro; nunha lista de seis nomes proporcionada polo gurú do punk rock de Dublin Steve Averill, "U2" foi elixido pola súa ambigüidade e interpretación aberta, e porque foi o nome co cal os membros da banda discreparon menos.
O día de Saint Patrick de 1978, U2 gañou un concurso de talentos en Limerick, Irlanda. O premio consistía en 500 libras e a gravación dunha demo. A banda gravou a súa primeira demo nos Keystone Studios, en Harcourt Street, Dublin, en abril de 1978. En maio, Paul McGuinness, que fora presentado á banda polo xornalista de Hot Press Bill Graham, accedeu a ser o manager de U2.
O seu primeiro lanzamento foi un EP só editado en Irlanda titulado Three, que apareceu en setembro de 1979, sendo o primeiro éxito da banda nas listas irlandesas. En decembro de 1979, U2 actuou en Londres no seu primeiro concerto fóra de Irlanda, aínda que non tiveron moita atención por parte do público e da crítica. En febreiro de 1980 foi editado o seu segundo sinxelo, "Another Day", a través do selo CBS, pero, ao igual que o primeiro, só no mercado irlandés.
Boy, October e War (1980 - 1983)
[editar | editar a fonte]A banda asinou un contrato co selo Island Records en marzo de 1980, e "11 O'Clock Tick Tock" converteríase na súa primeira edición internacional no mes de maio. O primeiro álbum da banda, Boy, aparecería en outubro, e foi considerado un dos mellores álbums de estrea da historia do rock. A pesar de que as letras de Bono estaban desenfocadas e aparentemente improvisadas, os seus temas comúns son as esperanzas e frustracións da adolescencia, así como o medo sobre o sexo, identidade, confusión, morte e os incontrolables cambios de humor. O álbum incluía primeiro hit da banda no Reino Unido, "I Will Follow". A edición de Boy foi seguida pola primeira xira de U2 no continente europeo e nos Estados Unidos.
O segundo álbum da banda, October, editouse en 1981 e contén temas claramente máis espirituais; Bono, The Edge e Mullen uníranse a un grupo cristián en Dublín chamado Shalom Fellowship, que os conduciu a facerse preguntas sobre a relación entre a fe cristiá e o estilo de vida do rock. As críticas do álbum foron moi variadas, e resultou ser o seu álbum con menos vendas.
Resoltas as dúbidas do período de October, U2 editou War en 1983. Este foi o primeiro éxito comercial da banda, estreándose no número 1 do Reino Unido, e sendo o seu primeiro sinxelo, "New Year's Day", o seu primeiro grande hit no estranxeiro.
Na xira de War, a banda actuou en concertos totalmente cheos de público tanto en Europa coma nos Estados Unidos. A imaxe de Bono ondeando unha bandeira branca durante a interpretación de "Sunday, Bloody Sunday" comezou a facerse unha visión familiar. Durante a xira a banda gravou o álbum en directo Under a Blood Red Sky, e tamén foi editado un vídeo, sendo ámbolos dous emitidos con bastante frecuencia polas radios e a MTV.
O seu desfavorable contrato coa Island estaba chegando ao seu fin, e en 1984 a banda asinou unha excepcionalmente lucrativa prórroga. Renunciou a un elevado pago inicial, pero negociou a devolución dos seus dereitos de autor, un aumento nos seus royaltis e melloras en xeral do seu contrato.
The Unforgettable Fire e Live Aid (1984 - 1985)
[editar | editar a fonte]The Unforgettable Fire editouse no ano 1984. Ambiental e abstracto, foi o cambio máis marcado na dirección da banda ata ese momento. A banda tiña medo de, despois dun disco coma War, e da súa xira, abertamente rock, converterse nunha típica banda estridente de rock. Polo tanto optaron pola experimentación. Da produción encargouse Brian Eno xunto co seu enxeñeiro Daniel Lonois.
The Unforgettable Fire ten un son rico e orquestrado. Baixo a dirección de Daniel Lanois as baterías de Larry fanse máis sutís, e o baixo de Adam máis subliminal. A sección rítmica xa non invadía os temas, senón que fluía apoiándoos. Como complemento á atmosfera sonora, as letras están abertas a moitas interpretacións. Aínda que debido a un apertado calendario de gravación, Bono considerou as letras dos temas "Bad" e "Pride (In the Name of Love)" incompletas, sendo só un esbozo da idea que tiña. Esta última, que fala sobre Martin Luther King, foi o primeiro sinxelo do álbum e converteuse no maior hit da banda ata ese momento.
U2 participou no concerto Live Aid pola fame en Etiopía no Wembley Stadium en xullo de 1985. A actuación da banda diante de 82.000 fans foi un punto importante na carreira de U2. Durante os 14 minutos do tema "Bad", Bono saltou fóra do escenario para abrazar e bailar cun seareiro, amosando a unha audiencia de televisión de millóns de persoas a conexión persoal que Bono podía ter co público.
The Joshua Tree e Rattle and Hum (1986 - 1989)
[editar | editar a fonte]Decatándose de que "U2 non tiña ningunha tradición" e que o seu coñecemento da música dende a súa infancia era moi limitada, o grupo decidiu explorar as raíces da música irlandesa e estadounidense. A súa amizade con Bob Dylan, Van Morrison e Keith Richards motivounos a explorar o blues, o folk e o gospel. Para o seu quinto álbum, The Joshua Tree, a banda quería construír unhas texturas como en The Unforgettable Fire, pero tamén facer algo menos experimental, buscando un son máis duro usando estruturas de cancións máis convencionais. U2 interrompeu as gravacións do álbum en 1986 para ser a banda principal da xira de Amnistía Internacional A Conspiracy of Hope. En vez de ser unha distracción, a xira engadiulle máis intensidade e un novo enfoque ao seu novo material. En 1986, Bono viaxou ao Salvador e Nicaragua e viu de primeira man o sufrimento dos labregos acosados polos conflitos internos debido á intervención política estadounidense. A experiencia converteuse na principal influencia para a súa nova música.
The Joshua Tree foi editado en marzo de 1987 e nel a banda facía unha xustaposición da antipatía que tiña cara aos Estados Unidos e a profunda fascinación dos mesmos con dito país, debido aos seus espazos abertos, a súa liberdade e os seus iguais. A banda quería música cun sentido de situación e unha calidade "cinematográfica", ademais de que o novo son do disco estaba inspirado nas metáforas creadas por escritores estadounidenses que a banda estivera lendo. The Joshua Tree converteuse no álbum con vendas máis rápidas na historia das listas británicas, e estivo na cima da Billboard 200 estadounidense durante nove semanas. Os seus dous primeiros sinxelos, "With or Without You" e "I Still Haven't Found What I'm Looking For", convertéronse rapidamente nos primeiros números 1 da banda nos Estados Unidos.
U2 foi a cuarta banda de rock en aparecer na portada da revista Time (The Beatles, The Band e The Who foron as anteriores). O álbum fixo que U2 gañase os seus dous primeiros premios Grammy[1], e o seu éxito medrou grazas a eles. Moitas publicacións, incluída a Rolling Stone, citaron a The Joshua Tree como un dos mellores álbums de rock de todos os tempos. A The Joshua Tree Tour foi a primeira xira na que a banda tocou en grandes estadios, ademais de facelo en recintos máis pequenos.
O documental Rattle and Hum ten imaxes da The Joshua Tree Tour, e o dobre álbum que o acompañou, co mesmo nome, inclúe nove temas de estudio e seis cancións en vivo. Editados en outubro de 1988, o álbum e a película eran un tributo á música estadounidense;[2] incluían gravacións nos Sun Studios de Memphis e actuacións con Bob Dylan e B. B. King. Rattle and Hum comportouse de xeito modesto nos portelos e recibiu críticas divididas, tanto para o filme como para o álbum. O director da película, Phil Joanou, descríbea como "unha mirada demasiado pretensiosa a U2". A meirande parte do novo material do álbum foi tocado na xira de 1989 Lovetown Tour, que só visitou Australia, o Xapón e Europa, para evitar a crítica nos Estados Unidos. Ademais, as súas actuacións en vivo medraran dun xeito que non lles satisfacía; Mullen chegou a dicir "Éramos os máis grandes, pero non éramos os mellores".[3] Cunha sensación de estancamento musical, Bono dixo aos seareiros nunha das últimas datas da xira que era "o final de algo para U2" e que tiñan que "desaparecer e... soñalo todo novamente".[4][5]
Achtung Baby, Zoo TV e Zooropa (1990-1993)
[editar | editar a fonte]Molesta polas críticas de Rattle and Hum, a banda tratou de transformarse musicalmente.[6] Buscando inspiración nas vésperas da reunificación alemá, comezaron a traballar no seu sétimo álbum de estudio, Achtung Baby, nos Hansa Studios de Berlín en outubro de 1990 cos produtores Daniel Lanois e Brian Eno.[7] As sesións foron conflitivas, xa que se discutiu sobre a dirección musical a tomar e sobre a calidade do material. Mentres que Clayton e Mullen preferían un son semellante aos anteriores traballos de U2, Bono e The Edge inspiráronse na música industrial e na música dance electrónica avogaban por un cambio. Semanas de tensión e un progreso lento case levan á ruptura do grupo, ata que conseguiron un grande avance coa composición improvisada da canción "One".[8] Regresaron a Dublín en 1991, onde a moral mellorou e completouse a meirande parte do álbum.
Achtung Baby publicouse en novembro de 1991. O álbum representou un calculado cambio na dirección musical e temática do grupo; o cambio foi dos máis dramáticos dende The Unforgettable Fire.[9] Musicalmente o disco incorporou influencias do rock alternativo, a música dance e a música industrial da época, e a banda referiuse a esta partida musical como "catro homes abatendo o Joshua Tree".[10] Tematicamente foi máis introspectivo e persoal; era máis escuro, aínda que ás veces máis frívolo que o anterior traballo da banda. A nivel de vendas e de crítica foi un dos discos máis exitosos de U2. Del sacáronse cinco sinxelos, incluídos "The Fly", "Mysterious Ways" e "One", e foi unha parte crucial da reinvención da banda a principios dos 90.[11] Ao igual que The Joshua Tree, moitas publicacións falaron deste traballo como un dos mellores da música rock.[12]

Do mesmo xeito que Achtung Baby, a xira Zoo TV de 1992-1993 supuxo unha ruptura co pasado da banda. En contraste coa austera configuración dos escenarios das xiras anteriores de U2, Zoo TV foi un elaborado evento multimedia. Satirizaba a natureza omnipresente da televisión e a súa difuminación das noticias, o entretemento e as compras dende casa ao intentar inculcar unha "sobrecarga sensorial" no seu público.[10][13][14] O escenario contaba con grandes pantallas de vídeo que mostraban efectos visuais, videoclips aleatorios da cultura pop e frases de texto intermitentes, xunto cun sistema de iluminación feito parcialmente con coches Trabant.[15] U2 era coñecido polas súas actuacións serias na década de 1980, pero as actuacións de Zoo TV eran intencionadamente irónicas e autocríticas.[16] Bono interpretou varios personaxes esaxerados, incluíndo o ególatra vestido de coiro "The Fly",[17] o avaricioso televanxelista "Mirror Ball Man" e o diabólico "MacPhisto".[18] Fixéronse chamadas telefónicas de broma ao presidente dos Estados Unidos George H. W. Bush, ás Nacións Unidas e a outros. As conexións por satélite en directo coa cidade de Saraxevo, devastada pola guerra, causaron controversia.[19] Zoo TV foi a xira norteamericana máis recadadora de 1992, con 67 millóns de dólares.[20]
En xuño de 1993 U2 asinou un contrato de seis álbums para permanecer con Island Records/PolyGram.[21] Los Angeles Times estimou que o acordo tiña un valor de 60 millóns de dólares para a banda,[22] converténdoos no grupo de rock mellor pagado da historia.[23] Ao mes seguinte U2 lanzou un novo álbum, Zooropa. Gravado rapidamente durante unha pausa na xira Zoo TV Tour a principios de 1993, ampliou moitos dos temas de Achtung Baby e da xira. Inicialmente pensado para ser un EP, Zooropa evolucionou ata converterse nun traballo de longa duración. Con este disco a banda afondou máis na música electrónica, industrial e dance.[24] O músico country Johnny Cash cantou a voz principal na canción de peche "The Wanderer". A maioría das cancións foron tocadas polo menos unha vez durante as etapas de 1993 da xira, que visitou Europa, Australia, Nova Zelandia e Xapón; a metade das cancións do álbum convertéronse en elementos fixos da lista de cancións a longo prazo.[25] Zooropa chegou ao top 10 en 26 países,[26] vendeu 7 millóns de copias,[27] e gañou o premio Grammy de 1994 ao mellor álbum de música alternativa, aínda que a banda ten sentimentos encontrados respecto a el; The Edge chamouno "un interludio".[28]
Os problemas de Clayton co alcol chegaron ao seu punto crítico na última etapa da xira Zoo TV. Despois de sufrir unha amnesia polo consumo de alcol, Clayton non puido actuar no concerto do grupo o 26 de novembro de 1993 en Sydney,[29] que serviu como ensaio xeral para unha emisión televisiva mundial a noite seguinte. O técnico de baixo Stuart Morgan substituíuno, sendo a primeira vez que un membro de U2 faltaba a un concerto dende os seus primeiros días.[30] Despois do incidente, Clayton decidiu deixar de beber alcol.[29] A xira concluíu o mes seguinte no Xapón, gañando 5,3 millóns de dólares en vendas de entradas[31] e 151 millóns en ingresos brutos.[32][33] Tom Doyle, de Q, dixo en 2002 que Zoo TV foi "a xira de rock máis espectacular organizada por calquera banda".[34]
Passengers, Pop, e PopMart (1994-1998)
[editar | editar a fonte]En 1995, tras unha longa pausa, U2 contribuíu con "Hold Me, Thrill Me, Kiss Me, Kill Me" ao álbum da banda sonora da película Batman Forever.[35] A canción alcanzou o número un en Australia e Irlanda, o número dous no Reino Unido e o número 16 nos Estados Unidos.[36] En novembro, a banda lanzou un álbum experimental chamado Original Soundtracks 1, unha colaboración con Brian Eno, quen contribuíu como compañeiro compositor e intérprete. Debido á súa participación e á natureza experimental do disco, a banda lanzouno baixo o nome de "Passengers" para distinguilo dos álbums convencionais de U2.[37] Mullen dixo sobre o lanzamento: "Hai unha liña delgada entre a música interesante e a autocomplacencia. Cruzámola no disco de Passengers".[38] O disco pasou desapercibido comercialmente para os estándares de U2 e recibiu críticas mixtas.[39] O seu sinxelo "Miss Sarajevo" (con Luciano Pavarotti) estaba entre as cancións favoritas de Bono de U2.[40]
U2 comezou a traballar no seu seguinte álbum de estudio, Pop, a mediados de 1995, realizando sesións de gravación con Nellee Hooper, Flood e Howie B. A banda mesturou as influencias contrastantes de cada produtor na súa música, en particular as experiencias de Howie B coa electrónica e a música dance.[41] Mullen quedou apartado debido a unha operación de costas en novembro,[42] o que levou aos outros membros da banda a adoptar enfoques diferentes para compoñer, como programar bucles de batería e tocar sobre mostras fornecidas por Howie B.[41] Tras o regreso de Mullen en febreiro de 1996, o grupo comezou a reelaborar o seu material, pero tivo dificultades para completar as cancións, o que lles provocou perder o prazo de mediados de ano para completar o disco.[43] A banda permitiulle ao seu representante, Paul McGuinness, reservar a súa xira PopMart Tour de 1997-1998 co álbum aínda en progreso;[44] Bono cualificouna de "a peor decisión que U2 tomou nunca".[45] Apresurándose por completar o álbum, a banda atrasou a súa data de lanzamento por segunda vez de finais de 1996 a marzo de 1997,[43][46] reducindo o tempo de ensaio da xira.[47][48] Mesmo co tempo de gravación adicional, U2 traballou ata o último minuto para completar as cancións.[44][41]
En febreiro de 1997 o grupo lanzou o sinxelo principal de Pop, "Discothèque",[49] unha canción con moito ritmo bailable e un vídeo musical no que a banda levaba traxes dos Village People.[50] A canción alcanzou o número un no Reino Unido, Xapón e Canadá, pero non estivo moito tempo nas listas dos Estados Unidos a pesar de estrearse no número 10.[49] Aos poucos días do lanzamento do sinxelo, o grupo anunciou a xira PopMart cunha rolda de prensa na sección de lencería dun grande almacén Kmart.[49] As entradas puxéronse á venda pouco despois, pero Pop non se lanzaría ata marzo.[51] O álbum representou unha maior exploración de U2 da cultura dos clubs nocturnos, con ritmos bailables pesados e funkys.[52] O disco recibiu críticas favorables.[53][54] Rolling Stone afirmou que U2 "desafiara as probabilidades e fixera algunha da mellor música das súas vidas".[55] Outros críticos consideraron que o álbum foi unha gran decepción.[56][57][58] Malia debutar no número un en máis de 30 países, Pop caeu das listas rapidamente.[49] Bono admitiu que o álbum "non comunicaba como se pretendía",[45] mentres que The Edge o cualificou como "un proxecto comprometido ao final".[44]

A xira PopMart Tour comezou en abril de 1997 e pretendía ser unha sátira do consumismo.[59] O escenario incluía un arco amarelo dourado de 30 m de altura que lembraba o logotipo de McDonald's, unha bola de limón con forma de espello de 12 m de altura e unha pantalla de vídeo LED de 46 m de lonxitude, nese momento a máis grande do mundo.[60] O "gran truco" de U2 non conseguiu satisfacer a moitos que estaban aparentemente confusos pola nova imaxe kitsch da banda e a elaborada escenografía da xira.[61][62] O tempo reducido de ensaio para a xira afectou á calidade dos primeiros concertos,[63] e nalgúns concertos estadounidenses a banda tocou en estadios medio baleiros.[64][65] En varias ocasións a bola de limón con forma de espello da que saíu a banda para os bises funcionou mal, atrapándoos dentro.[66] Malia as críticas dispares e as dificultades da xira, Bono consideraba que PopMart era "mellor que Zoo TV esteticamente, e como proxecto artístico é unha idea máis clara".[67] Máis tarde explicou: "Cando ese programa funcionou, foi alucinante".[68]
Ao concerto do grupo o 20 de setembro de 1997 en Reggio Emilia asistiron máis de 150 000 persoas, o que se di que estableceu un récord mundial de maior público de pago para un espectáculo dun só acto.[69][70] U2 tamén actuou en Saraxevo o 23 de setembro, converténdose no primeiro grupo importante en ofrecer un concerto alí despois da guerra de Bosnia.[71] Mullen describiu o concerto como "unha experiencia que nunca esquecerei no resto da miña vida, e se tivese que pasar 20 anos na banda só para tocar nese concerto, e o fixese, creo que tería valido a pena".[72] Bono cualificou o concerto como "unha das noites máis duras e doces da miña vida".[73] A xira concluíu en marzo de 1998 con ingresos brutos de 173,6 millóns de dólares estadounidenses e 3,98 millóns de entradas vendidas.[74] Ao mes seguinte U2 apareceu no episodio número 200 da comedia de animación Os Simpsons,[75] no que Homer Simpson interrompe á banda no escenario durante un concerto de PopMart.[76] En novembro de 1998 U2 lanzou o seu primeiro álbum recompilatorio, The Best of 1980-1990,[77] que incluía unha regravación dunha cara B de 1987, "Sweetest Thing", como sinxelo.[78] O álbum bateu un récord de vendas na primeira semana nos Estados Unidos para unha colección de grandes éxitos dun grupo,[79] e "Sweetest Thing" encabezou as listas de sinxelos en Irlanda e Canadá.[77]
All That You Can't Leave Behind e Elevation Tour
[editar | editar a fonte]Tras as súas actividades musicais na década de 1990, U2 procurou simplificar o seu son. Edge dixo que con Pop o grupo "levara a deconstrución do formato de banda de rock 'n' roll ao seu grao enésimo absoluto".[80] Para o seu décimo álbum, All That You Can't Leave Behind, o grupo quería volver á súa antiga filosofía de gravación de "a banda nunha habitación tocando xunta".[80] Reunidos con Eno e Lanois, U2 comezou a traballar no álbum a finais de 1998.[80][81] Despois das súas experiencias coa presión de completar Pop, a banda contentouse con traballar sen prazos.[80] Coa axenda de Bono limitada polos seus compromisos co movemento Jubilee 2000 para a cancelación da débeda do terceiro mundo e os outros membros da banda pasando tempo coas súas familias, as sesións de gravación duraron ata agosto de 2000.[80][82]
Discografía
[editar | editar a fonte]| Álbum | Ano | Selo |
|---|---|---|
| Boy | 1980 | Island Records |
| October | 1981 | Island Records |
| War | 1983 | Island Records |
| The Unforgettable Fire | 1984 | Island Records |
| The Joshua Tree | 1987 | Island Records |
| Rattle And Hum | 1988 | Island Records |
| Achtung Baby | 1991 | Island Records |
| Zooropa | 1993 | Island Records |
| Pop | 1997 | Island Records |
| All That You Can't Leave Behind | 2000 | Island/Interscope |
| How to Dismantle an Atomic Bomb | 2004 | Island/Interscope |
| No Line On The Horizon | 2009 | Interscope |
| Songs of Innocence | 2014 | iTunes |
| Songs of Experience | 2017 | Interscope, Universal Canada |
| Songs of Surrender | 2023 |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ grammy.com - Past Winners Search (en inglés)
- ↑ Stokes (1996), p. 78; Graham (2004), pp. 36-38
- ↑ Fricke, David (1992-10-01). "U2 Finds What It's Looking For". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2026-01-03.
- ↑ McCormick (2006), p. 213
- ↑ McGee (2008), p. 129
- ↑ Flanagan (1995), pp. 4-6
- ↑ Flanagan (1995), p. 7
- ↑ Flanagan (1995), pp. 6-11
- ↑ Flanagan (1995), pp. 4-6; Graham (2004), p. 4
- 1 2 Dalton, Stephen (novembro de 2004). "Achtung Stations". Uncut. No. 90. p. 52
- ↑ Graham (2004), p. 44
- ↑ "500 Greatest Albums of All Time". Rolling Stone (en inglés). 2009-05-31. Consultado o 2026-01-03.
- ↑ Tyaransen, Olaf. "Closer to the Edge". Hotpress (en inglés). Consultado o 2026-01-03.
- ↑ de la Parra (2003), pp. 139-141; Flanagan (1995), pp. 12, 13, 58-61; Stokes (1996), pp. 110-111
- ↑ McGee (2008), p. 143
- ↑ Dalton, Stephen (novembro de 2004). "Achtung Stations". Uncut. No. 90. p. 52
- ↑ Light, Alan (1993-03-04). "Bono, Behind the Fly: The Rolling Stone Interview". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2026-02-26.
- ↑ Deevoy, Adrian (setembro de 1993). "I Had Too Much to Dream Last Night". Q.
- ↑ de la Parra (2003), pp. 153, 166
- ↑ "U2, DEAD TOP '92 CONCERT SALES". The Washington Post (en inglés). 1993-01-06. ISSN 0190-8286. Consultado o 2026-02-26.
- ↑ Flanagan (1996), pp. 232-233, 239
- ↑ Philips, Chuck (4 de xuño de 1993). "U2 Record Deal Rocks Industry". Los Angeles Times. p. F1
- ↑ McGee (2008), pp. 161-162
- ↑ Graham (2004), p. 51
- ↑ de la Parra (2003), pp. 166-172
- ↑ Pride, Dominic (11 de xuño de 1994). "Ivors Spotlight Take That's Barlow". Billboard. Vol. 106, no. 24. p. 38
- ↑ Bordowitz (2003), p. 289
- ↑ McCormick (2006), pp. 248-249
- 1 2 McCormick (2006), pp. 255-256
- ↑ McGee (2008), pp. 169-170
- ↑ Cogan (2008), p. 154
- ↑ Armstrong, Stephen. "Inside the Amish town that builds U2, Lady Gaga, and Taylor Swift's live shows". Wired (en inglés). ISSN 1059-1028. Consultado o 2026-02-26.
- ↑ Smith, Nathan (2014-09-12). "Five More Epic '80s Tours That Deserve The Wall Treatment". Houston Press. Consultado o 2026-02-26.
- ↑ Doyle, Tom (novembro de 2002). "10 Years of Turmoil Inside U2". Q. No. 196
- ↑ Beck, Marilyn; Smith, Stacy Jenel (25 de maio de 1995). "Studio Shake-Up Has Production Team Singing 'Blues'". Los Angeles Daily News
- ↑ McGee (2008), p. 178
- ↑ "Passengers: Original Soundtracks 1". archive.ph. 2013-01-02. Archived from the original on 02 de xaneiro de 2013. Consultado o 2026-02-26.
- ↑ Doyle, Tom (abril de 1997). "The Professionals". Q. No. 127
- ↑ McGee (2008), p. 181
- ↑ McCormick (2006), pp. 261-262
- 1 2 3 "FLOOD & HOWIE B: Producing U2's Pop". web.archive.org. Archived from the original on 07 de xuño de 2015. Consultado o 2026-02-27.
- ↑ McCormick (2006), p. 262
- 1 2 McGee (2008), p. 182-185
- 1 2 3 McCormick (2006), p. 266, 269-270
- 1 2 NME (2005-05-23). "U2 REVISIT POP?". NME (en inglés). Consultado o 2026-02-27.
- ↑ Boyd, Brian (19 de outubro de 1996). "The Trouble With U2". The Guardian. sec. The Week, p. 6
- ↑ "U2". Legends. Season 1. Episode 6. 11 de decembro de 1998. VH1
- ↑ Greene, Andy (2015-03-31). "Flashback: Davy Jones Sings 'Daydream Believer' at a U2 Show". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2026-02-27.
- 1 2 3 4 McGee (2008), pp. 187-189
- ↑ Violanti, Anthony (7 de febreiro de 1997). "Don't Call It Disco. Well, OK, You Can If You Want To. But Whatever You Call It, Dance Music Is Back With a Vengeance". The Buffalo News
- ↑ Jobling (2014), pp. 253-256
- ↑ Graham (2004), pp. 62-63
- ↑ "Pop: Kitsch of Distinction". NME. 1 de marzo de 1997
- ↑ Smith, Andrew (23 de marzo de 1997). "Pop". The Sunday Times
- ↑ Hoskyns, Barney (1997-03-20). "Pop". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2026-02-27.
- ↑ "U2's "Pop" Reconsidered". Uncut. Archived from the original on 10 de agosto de 2010. Consultado o 27 de febreiro de 2026.
- ↑ Dentler, Matt (30 de outubro de 2000). "U2 makes album world is waiting for". The Daily Texan
- ↑ "The Best of 1990-2000". Crosswalk.com (en inglés). Consultado o 2026-02-27.
- ↑ Jobling (2014), pp. 253-256
- ↑ Europe, PR Newswire. "U2 GO 'POPMART'". www2.prnewswire.co.uk. Consultado o 2026-03-21.
- ↑ Carter, Geoff (27 de abril de 1997). "U2 live: Play-by-play of the concert". The Las Vegas Sun
- ↑ "U2, Brute?". SPIN (en inglés). 2006-10-04. Consultado o 2026-03-21.
- ↑ de la Parra (2003), pp. 193-202
- ↑ "U2 `Popmart' A Tough Sell In Some Cities". tribunedigital-sunsentinel (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 20 de decembro de 2016. Consultado o 2026-03-21.
- ↑ McCormick (2006), p. 277
- ↑ "Ten Rock-Star Stunts Even More Ridiculous Than Flying to Antarctica". Vulture (en inglés). 2008-03-28. Consultado o 2026-03-21.
- ↑ Boyd, Brian. "Just the 2 of U". The Irish Times (en inglés). Consultado o 2026-04-08.
- ↑ U2 (xullo de 2010). "Stairway to Devon - OK, Somerset!". Q. No. 288. p. 100
- ↑ U2. "U2 PLAY TO BIGGEST PAYING AUDIENCE EVER". www.prnewswire.co.uk. Consultado o 2026-04-08.
- ↑ McGee (2008), p. 198
- ↑ de la Parra (2003), pp. 211-212
- ↑ "Jo Whiley interview with U2". The Jo Whiley Show. Londres. Novembro de 1998. BBC Radio 1
- ↑ Mueller, Andrew (26 de setembro de 1997). "U2 in Sarajevo: Part 2 – The Rattle and Hum". The Independent
- ↑ Waddell, Ray (14 de marzo de 2009). "Kissing the Future". Billboard. Vol. 121, no. 10. p. 19
- ↑ Kinosian, Janet (26 de abril de 1998). "The Best... The Beautiful... and the Bizarre; Cast Aways; Cow-a-Bono, Dude". Los Angeles Times. sec. Los Angeles Times Magazine, p. 10
- ↑ Ingle, Roisin (30 de maio de 1998). "Homer joins U2 on stage in 200th episode of 'Simpsons'". The Irish Times (City ed.). sec. Home News, p. 3
- 1 2 McGee (2008), pp. 208-209
- ↑ "The 31 Best U2 Non-Album Tracks". stereogum.com (en inglés). 2015-07-27. Consultado o 2026-04-08.
- ↑ "U2's 'Best Of' Highest Greatest Hits Debut by Any Band in the History of SoundScan". Island Records. PR Newswire. 13 de novembro de 1998
- 1 2 3 4 5 McCormick (2006), pp. 289-296
- ↑ McGee (2008), p. 208
- ↑ "The Elastic Bono Band". Q. No. 170. Novembro de 2000
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bordowitz, Hank, ed. (2003). The U2 Reader: A Quarter Century of Commentary, Criticism, and Reviews. Milwaukee: Hal Leonard Corporation. ISBN 0-634-03832-X.
- de la Parra, Pimm Jal (2003). U2 Live: A Concert Documentary (Updated ed.). London: Omnibus Press. ISBN 978-0-7119-9198-9.
- Flanagan, Bill (1995). U2 at the End of the World. New York: Delacorte Press. ISBN 978-0-385-31154-0.
- Graham, Bill; van Oosten de Boer, Caroline (2004). U2: The Complete Guide to Their Music. Londres: Omnibus Press. ISBN 978-0-7119-9886-5.
- McGee, Matt (2008). U2: A Diary. London: Omnibus Press. ISBN 978-1-84772-108-2.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina oficial do grupo
- Todomúsica.com (en castelán).
- Páxina de u2station
- Curiosidades Arquivado 12 de febreiro de 2005 en Wayback Machine. (en castelán).
- En alemán
- En francés ou estoutra